mércores, 12 de setembro de 2012

Terra de liberdade.

Entre as pedras do monte,
xurdiu a verba boa,
entre as xentes nobres,
xurdiu a Terra nova.

Senlleiro é o seu camiño,
longa traxectoria,
Camiño Privilexiado,
Terra amiga, Terra nova.

A fonte da xustiza,
entre un xuíz e unha arca,
a Terra da liberdade,
patrimonio de irmandade.

Camiño de Terra nobre,
por onde o Salas amence,
camiño do Couto Mixto,
que a Galicia ennobrece.



Por: Serxio María.

mércores, 27 de xuño de 2012

O COUTO MIXTO CELEBRA O SEU DÍA GRANDE. 30 de Xuño de 2012.




                 O arquetipo galego de microestado revive por un día.

Cando no ano 2000, Don Luís Manuel García Mañá publicou  “ Couto Mixto, unha república esquecida”, supuxo un renacer do espírito dos habitantes desta zoa fronteiriza co veciño país luso.
O Couto Mixto foi unha república galega encadrada nos concellos de Calvos de Randín e Baltar, os pobos que constituían dita unidade territorial foron Santiago de Rubiás, o meu pobo natal, Rubiás e Meaus.
A Capital administrativa era Santiago, onde actualmente se reproduce a susodita cerimonia histórica  na súa igrexa.Cada ano neste acto, os tres homes de acordo en representación dos tres pobos, abren a Arca dos Documentos.Nela gárdanse os papeis que se conservan, onde figuran os  recoñecementos que o Couto foi recibindo, a partir do período de reconstrucción da memoria histórica.

Este ano a cerimonia celébrase o día 30 na igrexa de Santiago de Rubias as 12:00 horas.
Nela os galardoados co título de “Xuizes Honorarios do Couto Mixto”,  serán o gaiteiro Carlos Núñez, e o profesor de dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé A. Gómez Segade. O remate da entrega de condecoracións, os asistentes poderan desfrutar dunha comida  do país ó aire libre, coa compañía dos galardoados e os veciños do Couto.
Esperemos que esta festa cumpla a súa función cultural e sociolóxica, e continúe a medrar o número de visitantes, a estas preciosas paraxes desta república esquecida, que constitue o país dos mixtos.



“Hai preto de cincocentos anos que Tomás Moro descubriu unha república imaxinaria. A obra foi titulada “Utopía”. O Couto Mixto non foi unha utopía. Máis hoxe é unha república esquecida”.
                                                                        “Couto Mixto, unha república esquecida”
                                                                                                      García Mañá.